top of page

1

QUE É?

O mercurio é un elemento metálico líquido a temperatura ambiente que está presente nunha alta variedade de compostos químicos con propiedades físicas, químicas e farmacolóxicas distintas que fan do metal un material con aplicacións moi variadas en moitos ámbitos.

2

QUE PROVOCA?

No contexto da costa e o sector gastronómico, o mercurio cobra moita importancia: a principal fonte de mercurio é o peixe, o marisco e os moluscos, cunha presenza do 90% de metilmercurio. As especies con concentracións máis elevadas son aquelas que ocupan a parte máis alta da cadea trófica: grandes predadores coma a quenlla, o peixe espada ou o atún. Outros alimentos coma a carne ou a froita poden presentar cantidades moi pequenas de mercurio na súa forma inorgánica, con riscos e efectos tóxicos moito menores.

Todas as persoas están expostas a certo nivel de mercurio, que adoitan ser baixos niveis debido a unha exposición crónica ou moi prolongada a baixos niveis. Con todo, poden darse casos de niveis elevados de mercurio debido a unha exposición aguda (por exemplo, en casos de accidentes industriais). Para determinar os efectos do mercurio na saúde, así como a gravidade dos mesmos, atendemos a factores como a forma na que se atope o mercurio, a dose do mesmo, a idade ou desenvolvemento da persoa, a duración da exposición ou a vía de exposición. Os grupos máis vulnerables aos efectos do mercurio son os fetos ou bebés e as persoas expostas de xeito sistemático a niveis elevados.


No primeiro grupo, o consumo materno de peixe ou marisco dá lugar a unha exposición intrauterina a metilmercurio que pode chegar a prexudicar ó cerebro ou sistema nervioso en desenvolvemento do bebé, tendo coma principal consecuencia sanitaria unha alteración do desenvolvemento neurolóxico (afectando así ao pensamento cognitivo, á memoria, á capacidade de concentración, á linguaxe e aptitudes motoras ou espazo-visuais dignas do neno).

 

O segundo grupo de persoas con extrema exposición a niveis elevados abarca casos como os de certas poboacións que practican pesca de subsistencia (en Brasil, Canadá, China, ...), onde se observou que entre 1,5 e 17 de cada mil nenos amosaban trastornos cognitivos por consumo de peixe contaminado.

Os principais efectos do mercurio rexistrados pola OMS no ser humano poden resumirse nos seguintes:

  • Efectos neurolóxicos: A exposición prenatal ao mercurio afecta ao desenvolvemento das neuronas en formación no cerebro e noutros puntos do sistema nervioso, causando un dano irreversible. Por outra banda, no caso da exposición asociada ao consumo materno de peixe,  os lactantes poderían non manifestar efectos nos primeiros meses de vida, mais conforme pasa o tempo poden amosar déficits en procesos neurolóxicos, coma o déficit no CI, ton muscular anormal ou perdas na función motora, na atención e nas habilidades visuais-espaciais.

  • Enfermidades cardíacas e presión arterial alta: Existe unha correlación entre o consumo de peixe contaminado e o risco de ataque cardíaco. Un estudo realizado con pescadores amosaba como ao inxeriren máis de 30g de peixe ao día se duplicaba ou triplicaba o risco de morte por motivos cardiovasculares.

  • Efecto sobre o sistema inmunolóxico: Certos estudos suxiren que tamén pode haber un efecto no sistema inmunolóxico dos seres humanos. Estudos in vitro e con animais amosan como a exposición prenatal ao metilmercurio pode aumentar a susceptibilidade das persoas a enfermidades infecciosas ou autoinmunes.

  • Efectos nos riles: Tanto mercurio metálico coma metilmercurio son tóxicos para estes órganos.

  • Outros efectos pouco estudados: Certos estudos tamén plantexaron certa relación entre a exposición ao mercurio e os problemas relacionados co cancro ou a reprodución. 

Ilustracioìn_sin_tiìtulo (13).png

3

O CASO: ENCE E ELNOSA

O mediático e complexo caso de ENCE/ELNOSA na Ría de Pontevedra sérvenos para analizar a contaminación da fauna mariña por mercurio. Se ben sabemos da celebridade do caso, o hermetismo que rodea toda a problemática sumado a que moitas veces se aborda o conflito dende un punto de vista máis xurídico que científico fainos crer convinte aportar un contexto histórico para coñecer como se iniciou a actividade das fábricas e non dar nada por sabido.


Deixando de lado os problemas de asentamento físico, foi no ano 1962 cando ENCE comezou a súa actividade. É entón, debido ao forte cheiro que desprende a fábrica, cando a oposición popular e institucional se intensifican. No que nos abrangue, é ese o momento no que comeza a mortandade de peixes na ría. Ao principio, di Masa, tentouse seguir coa venda deses peixes; porén, os pescadores non tardaron en darse de conta de que eses peixes xa estaban mortos antes de ser pescados. O vertido da fábrica escurecía a auga na zona, quentábaa ata tal punto que as mariscadoras non podían exercer o seu traballo nin con protección e provocaba unha escuma que chegaba ata os 200/250 metros de distancia.


Moitas especies, como as ostras e as vieiras, acabaron por desaparecer, e a produción na zona caeu en picado. Cómpre saber para coñecermos correctamente a evolución do “Mar Chiquito” como lugar de explotación produtiva que esta era unha zona que criaba fundamentalmente ameixas e berberechos pequenos, de xeito que estes se capturaban e se levaban a outros lugares incluso fóra da Ría de Pontevedra, como as rías de Arousa ou de Noia. “Dicían que era a mellor semente que había, mais unha vez empezou a actividade da fábrica xa ninguén quería a semente de aquí”, di Masa.


Para ilustrarmos esa contaminación con números podemos sinalar que, pese a que o acordo da concesión dos terreos a ENCE de 1958 estipulaba que a demanda biolóxica de osíxeno dos seus vertidos (DBO) non podía pasar das 20 partes por millón, cando se puxo en marcha a propia fábrica recoñeceu rondar as 150 partes por millón, acadando en ocasiones as 200 partes por millón. De feito, ata o ano 2013 seguiu superando esa taxa imposta pola concesión orixinal.

Con todo, non se pode dicir que a ría estivese contaminada con mercurio ata o ano 1968, momento no que se asenta ao seu lado a fábrica electroquímica ELNOSA. ELNOSA, agora desaparecida, producía o cloro co que ENCE branqueaba a súa pasta de papel, e para iso empregaba o método de electrolisis con cátodo de mercurio. “Ese método é moi perigoso porque verte ao medio, por escapes da propia cubeta e porque o cloro que se emprega vai sempre cargado de mercurio”, di Antón Masa. Coa chegada de ENDOSA, os niveis de mercurio na ría acadaron cifras preocupantes. Se o límite legal de miligramos por litro de mercurio é de 0’005, a emisión da electroquímica era de 0’63. Se o límite de gramos de mercurio por tonelada de cloro producida está en 1, ELNOSA estaba vertendo á ría 14’7.


Varias mostras de mexilóns, berberechos e ameixas na Ría de Pontevedra ao longo do tempo sobrepasaron a taxa legalmente permitida de mercurio, 0’5 partes por millón, chegando incluso á parte por millón.


Se ben é certo que eses datos foron rebaixándose, non debemos esquecer o perigo a longo prazo que supón a presenza de mercurio nas augas; ou, como ocorre no caso que nos ocupa, no sedimento da ría. A finais dos 90, pasados bastantes anos dende o nacemento de ENDOSA e o seu pico de emisión de mercurio ás augas, viuse que aínda nos sedimentos había mercurio e que se seguía transformando en metil mercurio. Ademais, hai que ter en conta que nalgún punto da traxectoria de ELNOSA se deixou de emitir á ría e se comezou a derivar os residuos ás balsas de decantación de ENCE. Isto, que pode parecer unha boa noticia para a saúde medioambiental, é igualmente perigoso: esas balsas non son estancas, son lagoas, e o mercurio depositado nelas pode estarse filtrando á ría de todos os xeitos.


En xaneiro do ano 2000, o Centro Costero de Vigo, dependente do Instituto Español de Oceanografía, publicou baixo mandato xudicial un estudo acerca do contido de mercurio na Ría de Pontevedra. Este tomou mostras de mexillóns e berberechos de distintos puntos das rías de Vigo e de Pontevedra, e sinalou que, canto máis preto da ubicación da pasteleira se atopasen os exemplares analizados, máis contaminados estaban. Así, as mostras recollidas en Raxó ou Campelo recibirían o calificativo de “Malas” se se lles aplicase os criterios de contaminación vixentes por aquel entón en Francia.


O estudo tamén se para no estado dos sedimentos, pois considera que estes “reflejan bastante bien la contaminación existente en un área determinada”. Para analizalo, diferenza os sedimentos entre aqueles de fracción fina, onde o mercurio se acumula máis facilmente, e aqueles de fracción grosa. No total do sedimento, a media de miligramos de mercurio por cada kilo de peso seco da Ría de Pontevedra case supoñía o dobre da de Vigo; na fracción fina, a concentración de mercurio en Pontevedra era, de media, o triple da de Vigo.

En 1958, a empresa produtora de pasta de celulosa ENCE consegue a concesión para chegar á Ría de Pontevedra ante o optimismo da cidadanía pontevedresa, que a ve como unha oportunidade de traer máis postos de emprego á Boa Vila. Instálase sobre o coñecido popularmente como “Mar Chiquito”, un pequeno espazo entre a entón recente autovía de unión entre Marín e Pontevedra e a praia dos Praceres onde a xente da zona seguía pescando e mariscando. Precisamente, é cando se comeza a cubrir ese Mar Chiquito para colocar a fábrica o momento en que as mariscadoras do lugar danse de conta por primeira vez do perigoso do asentamento da fábrica para a actividade produtiva na ría; e máis tendo en conta que ese espazo, en palabras do presidente da Asociación pola Defensa da Ría Antón Masa, “constituía o mellor dos bancos marisqueiros da Ría de Pontevedra”. 

Ao final dese estudo afírmase que existen razóns para esperar que os niveis de mercurio de determinadas zonas da ría “produzcan efectos negativos en algunos seres vivos de la mencionada área. Sin embargo, con los conocimientos científicos actuales, cuantificar con rigor los efectos adversos crónicos que se están produciendo en algunas especies de la
citada Ría es una tarea dificil y lenta”.

O comezo da fin de ELNOSA ten unha data concreta: o 17 de maio de 2017, cando o Parlamento Europeo dita a prohibición do emprego de mercurio e compostos de mercurio no sector do cloro-alcáli, por ser este “unha gran ameaza mundial para a saúde humana, en particular en forma de metilmercurio presente no peixe e o marisco, os ecosistemas e a flora e fauna silvestres”. A principios de 2018 ELNOSA cesa a súa actividade, e en novembro dese ano anuncia que abandoará Pontevedra. O desmantelamento total da fábrica alongarase ata o pasado 2022, e non sen polémica: ENCE alertou durante ese desmantelamento que no terreo ocupado por ELNOSA había aínda depositado moito mercurio, e que este estaba saíndo á ría e podía traer problemas.


A lei, que en 65 anos non foi quen de frear os abusos ambientais de ENCE, si puido coa súa veciña. ELNOSA marchou deixando tras de si 50 anos de emisións de mercurio á ría, un legado líquido e prateado que agora repousa nas súas profundidades.

Ilustracioìn_sin_tiìtulo (14).png

VERTIDOS

VERTIDOS

Unha reportaxe multimedia de Mario Elías Blanco, Bárbara María Domínguez, Beatriz García e Andrea Rodríguez

  • Instagram
  • Twitter
  • TikTok

©2023 por VERTIDOS. Creado con Wix.com

bottom of page